Neste curso 2019-2020, á luz da Exhortación Apostólica postsinodal sobre os xóvenes, Christus Vivit (Vive Cristo), os Secretariados de Catequese de Galicia propoñemos como obxectivo construír unha catequese máis comunitaria e viva, tal e como reflicte o lema escollido: “Xuntos por unha catequese máis viva”. O lema evidencia, unha vez máis, que Cristo resucitado está vivo e a súa vida revitaliza á Igrexa e a súa misión. El congrega e faise presente no medio da comunidade, que é a primeira responsable da catequese; El é ademais o centro dunha catequese que quere ser vida para as comunidades e para os que fan un camiño de fe. Por este motivo, no cartel que nos vai acompañar todo o ano, o protagonista central da imaxe é Xesús.
1.- No centro, Cristo. El é quen nos chama e nos reúne en comunidade para realizar a tarefa da catequese
Cristo vive no medio da comunidade, porque onde dous ou máis están reunidos no Seu nome, alí está El (Mt 18, 20). Todos –sacerdotes, diáconos, relixiosos e relixiosas, leigos, mozos e mozas, nenos e nenas–, nos atopamos ó redor de Xesús, tal como se pode ver no centro do cartel. A catequese é, por tanto, responsabilidade de todos e cada un dos membros que formamos a comunidade: ela é “orixe, lugar e meta da catequese” (DXC 254)1. E é preciso que dende a catequese medremos nesta conciencia de que, aínda que con tarefas diversas e en ámbitos distintos –familia, parroquia e escola– todos contribuímos a facer a catequese. O fondo azul do cartel alude ó sacramento do bautismo. Lémbranos ós catequistas, en primeiro lugar, a nosa común vocación coma crentes de transmitir e educar ás novas xeracións na fe; pero, por outra banda, reafirma unha vez máis a tarefa da catequese nas parroquias e comunidades, xa que tras o bautismo dos nenos, «a catequese de iniciación é, por tanto, unha acción […] básica e fundamental na construción da personalidade do discípulo e da comunidade. Sen ela a acción misional non tería continuidade e sería estéril. Sen ela, a acción pastoral non tería raíces e sería superficial e confusa «(DXC 64).
2.- A catequese renóvase e está viva cando Cristo está no centro
Promover o encontro, a comuñón e a intimidade con Cristo, que está vivo no medio da comunidade, é a principal finalidade da catequese (DXC 80). A nosa mediación como catequistas pode axudar a facer medrar e madurar a fe das persoas grazas a ese encontro. Pero para logralo é preciso que cada un de nós, catequistas, renovemos de día en día o noso encontro persoal co Señor, a través da lectura da Palabra, a celebración da fe nos sacramentos, a oración e a vida comunitaria e de caridade. É dende Cristo, por tanto, que as nosas catequeses están vivas; so dende El se poden renovar e revitalizar. Como se ve no cartel, de El flúe a luz, signo da vida que desprende.
3.- Unha catequese “má+s” viva renova as nosas comunidades
A revitalización da catequese parroquial renova tamén as nosas comunidades, porque os que percorren o camiño da catequese, están chamados a incorporarse á comunidade como membros vivos e comprometidos. Configurarse comunitariamente con Cristo lévanos a vivir na dinámica do máis: darnos máis; vivir máis con e para El; comprometernos máis, ser unha comunidade máis viva.
4.- A cruz da catequese pascua para as comunidades
A catequese tamén ten as súas propias cruces: falta de recursos, perda da esperanza nos catequistas, falta de relevo xeracional, poucos nenos, escaso apoio das familias e comunidades,… A letra “X” de “xuntos” e o signo “+” de “máis”, lémbrannos ese viacrucis que tantas veces percorremos coa catequese. Pero non debemos esquecer que a cruz é tamén o camiño que leva á vida e a resurrección. As cruces diarias da catequese, pola fe, están chamadas a dar froitos de vida.